Wednesday 01 de May de 2024

A Biblioteca da Xunta na Coruña “Miguel González Garcés” súmase en maio a celebración das Letras Galegas


— Haberá actividades para todos os públicos arredor do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, figura homenaxeada este ano

— Tamén se vai conmemorar o Día da Banda Deseñada cun obradoiro e se ofrecerán sesións de contacontos para diferentes idades, ademais doutras propostas

A Biblioteca Pública da Xunta na Coruña ‘Miguel González Garcés’ súmase en maio á celebración das Letras Galegas con diversas actividades para todos os públicos. Haberá contacontos, un obradoiro, unha charla-coloquio e unha mostra arredor do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Tamén se vai conmemorar o Día da Banda Deseñada cun obradoiro e ofreceranse sesións de contacontos para diferentes idades, ademais doutras propostas. A información sobre os contidos e a asistencia ás actividades pode consultarse na web do centro.

A axenda enmarcada no Día das Letras Galegas desenvolverase a partir do 12 de maio, coa charla-coloquio Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, a cargo do escritor Héctor Cajaraville. Pola súa banda, a rapazada de seis a 12 anos achegarase á figura homenaxeada da man de María Lires co obradoiro de ilustración Versos, cores e colaxes, o venres 19.

O sábado 20 será a quenda de Raquel Queizás co espectáculo de narración oral para todos os públicos Florencio nas ondas. A mostra bibliográfica Vida e obra dun poeta: Florencio Delgado Gurriarán, que se poderá visitar ao longo de todo o mes no vestíbulo, completa esta programación conmemorativa.

Outras propostas para público infantil
A marxe desta celebración, as propostas para público infantil comezan o sábado 7 co obradoiro conmemorativo do Día da Banda Deseñada Tempo entre viñetas, a cargo de Carmela González e dirixido á rapazada de seis a 12 anos. Nesa mesma xornada terá lugar a sesión de contos en lingua de signos para todos os públicos, da man da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.
Pola súa banda, os bebés de ata tres anos serán os destinatarios do contacontos do venres 13 con Chespir Teatro e A viaxe das bolboretas. Por último, o sábado 28 chega Trinke Trinke co espectáculo Cores e persoas, para cativada de tres a oito anos.

Da literatura ao cinema, con Miguel Castelo
Xa para público adulto, o voluntario cultural Miguel Castelo, guionista, director e produtor, impartirá os xoves 12 e 19 a actividade sobre adaptación cinematográfica dun relato literario Da literatura ao cinema. O pai de Migueliño. Nela afondarase no filme co que Castelo levou á pantalla o texto de Castelao. A axenda para o público adulto péchase o día 30 coa conferencia A arte que danza, unha revisión das interaccións entre artistas e indumentarias no marco musical. Será impartida por Ana Álvarez Veira, deseñadora, ilustradora e historiadora da Arte.

A maiores, ao longo de maio haberá novas sesións do obradoiro de escrita creativa impartido os venres por María Jesús Molina Raspal e de formación sobre os recursos e servizos da biblioteca, os mércores 11 e 25. Tamén continúan as visitas guiadas os martes e xoves.

Cómpre lembrar tamén que continúa ata decembro a exposición María Casares, residente privilexiada, integrada na programación da Xunta para conmemorar o centenario da actriz. A través de 200 fondos propios do espazo bibliotecario, como publicacións, fotografías ou filmes, a iniciativa achégalle á cidadanía esta figura universal cun percorrido pola súa vida e contorna familiar.